div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

O Festival de Televisión e Cine de Nova York concede o seu Premio de Prata á serie da TVG 'Motel Valkirias'

Os New York Festivals TV & Film Awards, que recoñecen a creatividade audiovisual en todo o mundo, outorgáronlle o galardón na categoría de entretemento e drama

A serie suma así un éxito máis, despois do premio europeo Circom do ano pasado e de estar preseleccionada nos Premios Platino do Cine e Audiovisual Iberoamericano e nos Premios Sophia, os galardóns máis importantes do cinema portugués

Producida por Televisión de Galicia e a RTP, é un drama fronteirizo sobre a presión social e a precariedade económica das mulleres, e está dispoñible en aberto na plataforma dixital ‘AGalega’

crtvg.gal 18/04/2024 12:57

Santiago, 18.04.2024.-    A serie da TVG ‘Motel Valkirias’ recibiu en Nova York o Premio Prata dos New York Festivals TV & Film Awards, na categoría de programa de entretemento/drama. Este premio norteamericano de cine e televisión recoñece a creatividade de producións audiovisuais de todo o mundo e vén sumarse á traxectoria de éxito da produción galego-portuguesa, que actualmente está dispoñible na nova plataforma dixital da CRTVG, AGalega.

‘Motel Valkirias’, que en 2023 xa se alzara con outro premio internacional, o Premio CIRCOM da asociación das televisións rexionais europeas, no apartado de entretemento e ficción, está preseleccionada este ano no Premios iberoamericanos Platino, onde compite na categoría de mellor miniserie ou teleserie e na de mellor interpretación feminina pola actuación da actriz portuguesa Marina Mota. Estes galardóns coñeceranse o sábado, 20 de maio. Ademais, a ficción foi preseleccionada na categoría de mellor fotografía nos Premios Sophia 2024 ou Premios Anuais da Academia Portuguesa de Cinema, os galardóns máis importantes do audiovisual portugués, que se entregarán o 26 de maio.

‘Motel Valkirias’ é unha ficción galego-portuguesa, producida por CTV e SPi, que contou coa participación da TVG e a RTP, a televisión pública portuguesa, e que se estreou en marzo de 2023 en HBO España e na Televisión de Galicia. A serie, de 8 capítulos, está ambientada nun espazo singular, un motel fronteirizo, un lugar estancado no tempo, esquecido das comunicacións e do progreso. Neste marco sitúase a trama da serie, en que, a modo de dramedy, se abordan temas como a presión social sobre as mulleres ou a precariedade económica á que están expostas.

A dirección de ‘Motel Valkirias’ corre a cargo de Álex Sampayo e Jorge Queiroga, e conta cun equipo de guionistas de ampla traxectoria encabezado por Ghaleb Jaber Martínez e Raquel Arias. A serie está protagonizada por María Mera, o gañador dun Goya Chechu Salgado e as actrices portuguesas Marina Mota e Maria João Bastos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
NOTICIAS CORPORATIVAS

div-crtvg-top2

Publicidade